Monday 06 de May de 2024

A Xunta renova os convenios de colaboración coas tres universidades galegas para loitar nas aulas contra a desigualdade e a violencia de xénero


― A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina un total de 120.000 euros aos tres acordos de colaboración, un investimento que se enmarca nos fondos e actuacións do Pacto de Estado

― O acordo permitirá levar a cabo accións de formación permanente a docentes en prevención da violencia de xénero e a realización de campañas que teñan como público obxectivo a mocidade

― Deseñaranse ou actualizaranse coas especificidades das diferentes violencias sexuais programas de prevención, detección e protocolos especializados para intentar erradicar esta lacra social

― Esta cooperación entre Xunta e Universidade permitiu que o pasado ano preto de 1.900 persoas participaran nos cursos de formación ou campañas de sensibilización, entre outras accións, que se levaron a cabo

A Xunta vén de reeditar os tres convenios de colaboración que mantén coas universidades galegas (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo), por valor de 120.000 euros para loitar desde aulas contra a desigualdade e a violencia de xénero.

O tres acordos que se veñen de asinar (40.000 euros cada un) enmárcanse nas medidas que o Goberno galego está a poñer en marcha a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Así, por medio desta colaboración, as tres universidades comprométense a desenvolver actuacións encamiñadas a reforzar e ampliar os valores igualitarios e a educación afectivo-sexual, así como a fomentar a prevención da violencia de xénero, do machismo e das condutas violentas, a educación emocional e sexual e a igualdade e a integración dos valores da diversidade e a tolerancia.

O acordo tamén permitirá levar a cabo accións de formación permanente a docentes en prevención da violencia de xénero e a realización de campañas que teñan como público obxectivo á mocidade, utilizando preferentemente as tecnoloxías da información e da comunicación. Así mesmo, organizaranse cursos e xornadas de formación orientadas ao alumnado e profesorado das titulacións relacionadas co audiovisual e o xornallismo, e deseñaranse ou actualizaranse coas especificidades das diferentes violencias sexuais programas de prevención, detección e protocolos especializados.

Fomentar a investigación en violencias sexuais coa realización de estudos diagnósticos, desenvolvemento estatístico, unificación de datos e publicidade dos mesmos e realizar estudios de prevalencia e deseño de indicadores para todos os tipos de violencias sexuais tamén forman parte das actuacións incluídas nos convenios.

O pasado ano, esta cooperación entre Xunta e Universidade permitiu que preto de 1.900 persoas participaran nas diferentes actuacións que se levaron a cabo entre as que destacaron preto de 50 cursos de formación, nove xornadas de sensibilización, cinco traballos ou estudos de investigación, así como diferentes campañas de sensibilización contra a violencia de xénero.

A universidade é un dos ámbitos de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, por tanto, é neste espazo onde se debe fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen na sociedade, así como traballar cara á consecución da igualdade real e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias.